01 outubro 2015

As medidas politicas dos Borbóns en España.


Os Borbóns en España.
Tras a vitoria de Filipe de Anjou na Guerra de Sucesión Española unha nova dinastía entrou en España: os Borbóns. Esta é unha dinastía de orixe francesa que vai intentar introducir o modelo do absolutismo francés, que con tanto éxito levara a cabo Luís XIV en Francia.
Para iso temos que ver que cada un dos monarcas que entraron en xogo intentaron realizar toda unha serie de reformas dentro do Estado Español, e que marcaran un antes e despois na historia de España.
Antes de nada debemos facer un análise dos diferentes monarcas que vamos a ver a continuación. Pero nos que nos debemos centrar en tres figuras que son moi importantes na Historia de España durante o século XVIII: Filipe V, Carlos III e Carlos IV. Cada un analizarémolo de forma máis concreta, pero estes tres son os máis relevantes durante o século que non afecta.
Neste caso debemos comezar falando de Filipe V debido a que é o monarca que iniciou as reformas e comeza co proceso de modernización de España. Aínda que como monarca tivo os seus máis e ou seus menos el foi o que comezou o proceso de modificación do Estado Español.
  • Unha das primeiras medidas tomadas por Filipe V foi a abolición do foros dos reinos da antiga Coroa de Aragón. Filipe V castigo pola rebelión dos territorios que apoiaron a Carlos de Austria decidiu quitarlle os antigos privilexios e institucións políticas propias (Cortes, Generalitat, Deputacións) de Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña. Estes territorios acabaron sendo unificados baixo as mesmas leis que a Coroa de Castela. O conxunto de todas estas medidas foron ratificadas por medio dunha serie de Decretos, un para cada un dos reinos, coñecidos como Decretos de Nova Planta. Unha cousa que debemos mencionar que isto non aconteceu con todos os territorios da monarquía española, xa que Navarra e os territorios vascos mantiveron os seus privilexios, grazas a que se mantiveron leais a Filipe de Anjou durante a Guerra de Sucesión Española
  • Outra das medidas, que aínda temos que comentar en clase, é a imposición da Lei Sálica en 1713. Esta lei impón unha lei, que era a norma corrente na monarquía francesa dende había séculos, na que se aparta as mulleres da sucesión ó trono. As mulleres teñen prohibido reinar, aínda que poden transmitir os seus dereitos ós seus fillos varóns. Esta lei cambia as leis tradicionais de Castela, onde lle daban prioridade ós homes sobre as mulleres, pero permitía as mulleres reinar.
  • Inicia a reorganización da administración e un proceso de centralización. A idea de Filipe V era facer o sistema máis eficiente e onde o monarca puidese controlar mellor o Estado, seguindo o modelo absolutista que creara o seu avó en Francia. Para todo iso tomou toda unha serie de medidas como: reduciu o poder dos parlamentos (ou eliminounos como no caso dos antigos parlamentos da Coroa de Aragón), comezou a reorganización do territorio mediante a división dos territorios en provincias, creou as Secretarías de Despacho (que son o orixe dos ministerios actuais), aumentou a burocracia, etc.

Máis tarde os seus sucesores continuaron con políticas de reformas como as realizadas por Fernando VI, entre as que nos atopamos:
  • Busca da Paz coas grandes potencias para poder desenvolver economicamente a España.
  • Reorganización da Facenda Real, buscando mellorar a recadación dos impostos que serían reinvestidos na dinamización económica do país.
  • Mellora do exército e da armada real para defender os intereses de España nas Colonias e en Europa. Dentro deste caso destacaron a creación de estaleiros e arsenais por toda a península Ibérica, son moi importantes os estaleiros de Ferrol e Cartaxena.
  • O control da igrexa católica, para que poder quitarlle privilexios e poderes a igrexa. Isto levou a conseguir do papa un Concordato en 1753, mediante o cal a monarquía podía propoñer os candidatos a ser nomeados bispos.

Pero sen lugar a dubidas un dos monarcas máis importantes do período, tanto polo que conseguiu como polo que intentou levar a cabo, foi Carlos III. Este tivo unha historia moi particular, e da que falaremos con calma a medida que vexamos os traballos, pero iremos adiantando algo.
Carlos de Borbón era o terceiro fillo de Filipe V, e na súa idea nunca ía ser rei de España, por iso seu pai intentou organizar unha serie de alianzas que o colocaron como Rei de Nápoles, mentres o seu irma Fernando VI ocupaba o trono español. Pero por cousas do destino o seu irma Fernando VI morreu sen descendente: iso provocou que Carlos fora o herdeiro lexitimo ó trono.
Sendo rei de Nápoles entrou formou un goberno a base de persoas que defendían os postulados da Ilustración, e implantou en Nápoles un sistema de Despotismo Ilustrado. Cando entrou en España a reinar seguiu o mesmo camiño e rodeouse de toda unha serie de ministros, conselleiros e intendentes de gran valía. Entre este atopamos a figuras como Campomanes, Aranda, Floridablanca, ou Jovellanos.
Estes aplicaron o principio do Despotismo Ilustrado, que se define por una frase: “Todo para o pobo, pero sen o pobo”. Todos eles comezaron a realizar toda unha serie de programas políticos destinados a colocar a España como unha das grandes potencias do mundo, pero como pasa en moitas ocasións os intentos destes políticos eran bos; pero a realidade do país e gran parte da poboación non estiveron pola labor. O obxectivo final de todas estas políticas era o enriquecemento do país e o aumento do poder do monarca, e de paso o progreso e benestar dos habitantes do reino.
Pero o monarca tamén se apoiou en institución ilustradas similares as que foron creadas en Francia, pero que en España alcanzaron un carácter un pouco diferente. Estas eran coñecidas como as Sociedades de Amigos do País que se preocupaban fundamentalmente polo desenvolvemento económico da súa zona ou do seu ámbito de influencia.
Pero todas estas políticas tamén tiveron acérrimos inimigos xa que moitas das medidas políticas tiveron un forte malestar. Moitas veces este malestar foi fomentado por os antigos poderes (nobreza e igrexa) que vían que as medidas do monarca lles quitaban poder, e outros casos a oposición dos sectores populares, que bastante mal o pasaban e calquera provocaba medo a cousas peores.
Un dos casos máis significativos foi o Motín de Esquilache, provocado polo decreto publicado por un ministro (Esquilache) no que se prohibía o uso de capas completas e sombreiros de ala ancha. En realidade isto parece unha parvada pero montou un bo lio na súa época. Vamos a contextualizar o suceso, porque senón non ten sentido. Madrid no s. XVIII era unha cidade moi insegura e na que os roubos e a furtos eran moi habituais. Os ladróns aproveitaban os lugares escuros e as roupas para cometer os delitos sen ser identificados. Este foi o motivo que Esquilache propuxo o monarca para quitar as grandes capas, onde se podían esconder armas, e os chapeus con ala grande, que tapaban a cara dos ladróns. Pero digamos que iso acabou parecéndolle moi mal ós madrileños, e os opositores a Esquilache (nobreza e outros políticos) aproveitaron a situación para que fora culpado de todos os males do reino e organizar un motín. Isto acabou levando a que Carlos III tivera que depoñer do seu cargo a Esquilache en 1766. Sei que parece algo ridículo, pero montouse un bo follón.
Un ano despois Carlos III para castigar a esas persoas que propiciaron o Motín de Esquilache, decretou a expulsión dos Xesuítas en 1767. Isto debíase a que a orde relixiosa dos Xesuítas non aceptaba a submisión o poder do monarca. Como dixemos o monarca quere acrecentar o seu poder e os xesuítas ían en contra desta medida, debido a que eles so lle debían obediencia o Santo Padre de Roma ou Papa. Esta medida tivo moita repercusión tanto en España como nas Colonias Americanas, xa que os xesuítas eran os que controlaban a maior parte dos Colexios e institucións educativas. Pero foi unha escusa para que o monarca puidera cambiar os preceptos relixiosos na educación, por un preceptos máis ilustrados.
O mesmo tempo Carlos III intentou loitar contra a Inquisición, pero iso xa foi outra historia, pese a todos os intentos por reducir o poder desta institución: non foi quen de eliminala.
Carlos III foi o gran reformador e continuou a política iniciada polo seu pai:
  • Intentos de mellora na agricultura.
Houbo un intento de introducir todas esas innovación que vimos o principio do tema: melloras nos sistemas de produción, selección de sementes, uso de novos produtos agrícolas, extensión das terras de regadío, etc. Pero o mesmo tempo intentou facer políticas para a ocupación de terras que estaban sen traballar, como no caso da colonización de Serra Morena.
  • Fomento das actividades artesanais.
Carlos III potenciou o desenvolvemento do artesanado protexendo o mercado interior mediante unha política proteccionista, similar a que vimos co mercantilismo; pero o mesmo tempo intentou potenciar o desenvolvemento de toda unha serie de industrias para que foramos autosuficientes. Dentro desta política podemos ver varios tipos de producións:
  1. Produtos de luxo para o consumo nacional, como por exemplo tapices, louza, cristal, xoias, sedas, etc. Moitas veces estes produtos eran para destino do monarca e para as clases altas da sociedade.
  2. Materias para o Estado. Especialmente para o exército e a armada. Neste caso é onde podemos ver a creación de estaleiros, políticas de mellora de Ferrol e Cartaxena, e a creación de armerías como podía ser a fábrica de Sargadelos en Galicia.
  3. Creación de monopolios para que o estado conseguira beneficios económicos. Dentro deste caso podemos ver a creación de fabricas para o consumo da poboación nacional e na que encontramos: fábricas de Tabacos como na Coruña, fábricas de panos, etc.
Pero o mesmo tempo Carlos III potenciou o desenvolvemento do artesanado mediante a implantación do Domestic System ou “Traballo a Domicilio”. Con iso pretendía potenciar o poder económico e industrial do país.
Unha das cousas curiosas deste monarca foi que intentou dar prestixio os artesáns, considerando que os oficios foran considerados dignos e prestixiosos: chegando a publicar decretos ó favor de que a nobreza ou as funcións publicas (os traballos para o estado) fora compatible coa realización de actividades artesanais. Pero isto non acabou tendo moito éxito.
  • Apoio o comercio.
Seguindo políticas mercantilistas deulle gran importancia o comercio: potenciando a busca dunha balanza comercial positiva coas colonias españolas en América. Pero para potenciar o comercio intentou realizar toda unha serie de medias como:
  1. Favorecendo a liberdade de comercialización de produtos dentro do reino.
  2. A mellora das infraestruturas e camiños. Creando con iso o sistema radial de camiños que aínda se usa actualmente en España.
  3. Creación de compañías comerciais para competir coas francesas e británicas.
  4. Melloras no comercio con América mediante: a protección do comercio mediante a armada, eliminouse o monopolio de comercio de Sevilla e Cádiz con América mediante varios decretos en 1675 e 1778. Iso permitía a calquera porto español comerciar con América.
  • Fomento da educación.
Unha das características da ilustración foi un dos puntais do goberno de Carlos III: a educación. Por iso realizou todo un programa para a creación das escolas populares para potenciar o desenvolvemento dun oficio, ou sexa crear escolas taller. Pero tamén se crearon toda unha serie de institucións académicas e científicas como por exemplo: observatorios astronómicos, xardíns botánicos, Gabinetes de Historia Natural, Real Academia da Historia, Real Academia de la Lengua, etc. Todo isto potenciou o o desenvolvemento das ideas científicas da Ilustración e a súa aplicación no mundo real mediante a educación.
  • Impulso a renovación das cidades.
Carlos III tamén impulsou toda unha serie de melloras nas cidades, especialmente en Madrid como capital do reino, para mellorar a vida dos seus habitantes, pero sobre todo para engrandecer a figura do rei. Iso levou a creación de grandes avenidas, prazas ou monumentos. Isto levou a organización dunha urbanización, pero que tiña aínda a súas limitacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario