11 xaneiro 2016

Introducción sobre a Revolución Industrial.


A Revolución Industrial é un termo un pouco ambiguo, xa que non é so unha revolución que permite a creación da Industria, senón que é todo un conxunto de cambios que modifican a sociedade dende o Antigo Réxime cara un sistema liberal.  O longo de diferentes entradas analizarei diferentes fases ou partes desta Revolución Industrial.
Dentro de todos estes cambios podemos ver a aparición da Revolución Demográfica que se deu en Europa durante a século XVIII, pero especialmente en Inglaterra. Esta Revolución Demográfica vai ter como consecuencia un aumento da poboación, que permite multiplicar a poboación de Inglaterra (e do Reino Unido) en poucos séculos; pero esta revolución demográfica non se aplica so a Inglaterra, senón que se estende por toda Europa.
Unida a esta Revolución Demográfica aparece unha Revolución Agrícola, que ven como causa, pero o mesmo tempo como consecuencia, da Revolución Demográfica. Esta permite que os campos produzan moitos máis alimentos (para alimentar a este aumento da poboación) e produtos (materias primas para a industria).
Seguida, e como consecuencia directa da Revolución Agrícola e Demográfica, ven a propia Revolución Industrial, que vai supoñer un tremendo cambio na sociedade e na economía. Esta revolución vaise ver na aplicación de novos inventos, novas técnicas de produción e novas formas de organizar o traballo. Isto vai permitir aumentar tanto a produción como os beneficios para a Industria.
Unida a esta vai aparecer a Revolución dos Transportes, que é necesaria para poder consolidar a Revolución Industrial, a Revolución Agrícola e para mellorar a situación desa Revolución Demográfica.
Unido a todo isto vai aparecer un novo modelo social, manifestado nesa sociedade de clases que xa vimos, na que van a desenvolverse dous grandes grupos: a burguesía, enriquecida pola súa participación na Revolución Industrial; e os proletarios, un grupo de clase humilde que vive servindo de man de obra a Industria. Os conflitos entre estes dous grupos sociais van provocar a aparición do movemento obreiro, na que os proletarios van loitar por mellorar as súas condicións de vida, e que vai desembocar na aparición de dúas novas ideoloxías: marxismo e anarquismo. Estas confluirán na I Internacional ou I Asociación Internacional de Traballadores creada en 1864, da que xa falaremos.

Todo isto permite vernos que a Revolución Industrial  é algo máis que un mero cambio no sistema de produción, senón que implica un cambio completo na sociedade, na economía, na cultura  e na política. Todo isto vamos a ir analizándoo pouco a pouco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario