23 setembro 2015

Os cambios economicos durante a Idade Moderna: a agricultura.



As actividades económicas propias da Idade Moderna sufriron toda una serie de cambio ó longo do Antigo Réxime, no que se percibe un aumento da produción económica e unha mellora na economía de Europa. En xeral considerase que a Idade Moderna foi un período de crecemento económico, no que sufriu certos tempos de crise, pero o século XVIII considerouse como o de máximo esplendor dentro do período.

Actividades Agrarias.

As actividades agropecuarias seguen sendo o sector económico máis importante, xa que se dedica a ela máis do 80% da poboación. A produción de alimentos segue sendo a principal actividade económica dentro de Europa durante Idade Moderna. A maioría da poboación ten que adicarse as actividades agrarias para poder comer, pero ademais atopámonos nun sistema feudal onde o campesiñado esta ligado a terra, non poden abandonar as terras sen o permiso do seu "Señor Feudal".
O longo da Idade Moderna a agricultura presenta as seguintes características:
  • Agricultura ten como base o cultivo de cereais. Na maioría das explotación agrícolas os cereais (como o centeo, a cebada, o trigo ou o millo miúdo) son o produto básico, o que se pode sumar outro tipo de produtos como complemento (viñedo, xudías, fabas, garavanzos, cenorias, verdura, grelos, etc.) Pero a maioría dos cultivos dedícanse ós cereais, xa que o pan é o alimento básico da poboación campesiña e as clases populares urbanas.  
  • Posuía unhas técnicas moi rudimentarias, que obtiñan uns baixos rendementos agrícolas. Na maioría das ocasións a agricultura realizase mediante o traballo dos campesiños, axudados por sachos, fouciños e outros apeiros. Os campesiños afortunados dispoñen dun arado rudimentario, tirado por bois, que lles axuda na labor máis pesada. Pero na maioría dos casos as terras son traballadas a forza de levantar os sachos (legóns). Esta situación fai que a terra non poida ser rexenerada, e os campos precisan dun sistema de rotación bienal, onde parte da terra ten que descansar por medio do barbeito.
  • A produción agrícola atopase controlada polos señores feudais. Estes señoríos eran traballados por campesiños (servos, xornaleiros, campesiños libres, arrendatarios, etc.). Como un día vos comentei temos que ter en conta, que a produción agrícola era realizada polos campesiños, pero a maior parte dos beneficios recaían sobe os señores feudais (laicos ou eclesiásticos). Os señores feudais recibían unha gran parte da colleita como rendas, pero o mesmo tempo cobráballe ós campesiños toda unha serie de impostos ou servizo, que afogaban aínda máis os campesiños. Os Señores Feudais son uns grandes acaparadores, que aproveitan a súa posición para comerciar co mundo urbano con eses excedentes agrícolas. Por iso, a maior parte do beneficios acaban nas mans deses privilexiados, que usan esa riqueza en manter o poder ou en obxectos suntuosos.

O longo do século XVIII as actividades agrícolas mantivéronse de forma tradicional, pero certos grupos, inspirados pola Ilustración e o movemento Liberal, potenciaron a difusión de coñecementos científicos na agricultura.  Entre todos estes personaxes podemos atoparnos ilustrados, capitalistas ou membros dese grupo que coñecemos como teóricos da fisiocracia.
A implantación de toda unha serie de melloras, nas que nos podemos atopar por exemplo:

  • Substitución do Barbeito por un sistema de rotación de cultivos.Podemos atoparnos moitos elementos dentro da agricultura tradicional, pero un dos elementos máis esenciais e o uso da rotación bienal. Esta consistía na división dos mansos en dúas partes: unha das partes se pon en cultivo, mentres a outra ponse en barbeito.A continuación as dúas parcelas intercambianse, facendo unha rotación de barbeito cada dous anos. O barbeito é unha unha "técnica de cultivo" na que se deixa sen plantar o terreo durante un ano (polo menos) para que o chan recupere os seus nutrientes. O barbeito viña condicionado pola dificultade de acceder a abonos e o uso de sistemas de traballo, que dificultaban a terra recupere rapidamente os nutrientes. Para evitar o barbeito, ou minimizar o seu uso aparecen, novas técnicas, como por exemplo: a rotación trienal. A Rotación Trienal consiste en dividir a zona de cultivo en tres partes: a primeira parte ponse en cultivo dedicase o cereal como trigo (un cereal de inverno), mentres que a segunda zona adicases a cereais de primavera ou leguminosas; no caso da terceira zona adicase a barbeito. Logo as parcelas van rotando nun sistema de tres anos. Esta permite un aumento da produtividade e a recuperación dos solos, de forma máis sinxela. Existe outra variante que non comentei en clase, pero que substitúe o barbeito pola plantación de trevo ou a herba para o pasto e así alimentar o gando, e que este abone o terreo para a seguinte colleita.

  • Introdución de novos cultivos: millo, pataca, etc. A chegada de novos produtos de orixe colonial, e que permiten poñer a producirse en Europa trouxo enormes vantaxes. En principio os produtos que mellor se asentaron dentro de Europa foron as patacas e o millo, estas serviron para que certas zonas despuntaran de forma significativa co uso deses novos cultivos. Estes teñen coma vantaxes o aumento de produtividade, xa que cunha planta consegues moito máis produto que os tradicionais. Tedes que pensar na diferencia dunha espiga de trigo e unha espiga de millo. Pero o mesmo tempo, temos que ter en conta a tremenda produtividade da pataca. Esto permitiulle ós campesiños mellorar moito a súa situación: tendo unha mellor alimentación e tendo máis produto para comerciar. Isto permitiulle a certas zonas crecer tanto economicamente, como demograficamente.Pero os Señores Feudais seguían pedindo moitas veces as rendas nos produtos tradicionais.
  • Mellora no instrumental agrícola e a difusión de toda unha serie de tratados sobre agricultura, que permitiron o aumento da produtividade. As ideas propias da Ilustración (uso da Lóxica e a Razón, difusión dos coñecementos científicos, etc.) permitiron o uso de novas técnicas, novas ferramentas e a difusión sobre coñecementos agrícolas por medio de tratados agrícolas (libros sobre agricultura) que fan que as ideas sobre como mellorar a produtividade e mellorar as colleitas se difundan.Todo iso permite aumentar a produción e mellorar a situación no campo.
  • Xeneralización do uso de fertilizantes.Os fertilizantes desa época eran realizados de forma natural, mediante o esterco dos animais, pero a implantación do sistema de rotación trienal (que permite a creación de zonas de pasto) e o uso de novos cultivos, como por exemplo o millo e a pataca permiten alimentar mellor o gando. Tedes que pensar en que a planta do millo serve como forraxe para alimentar o gando, pero o haber máis cereal, pode destinarse algún para alimentar o gando (bóvidos, cabalos, ovellas, galiñas, etc.). Este gando permite dispoñer de unha nova fonte de abonos, que permiten aumentar a produtividade do solo.
  • Selección de Sementes. Este é un elemento importante, escállense dos excedentes os mellores produtos que son destinados a servir de semente para a seguinte colleita.O coller a mellor semente transmitirá a súas características a seguinte xeración de produtos agrícolas conseguindo mellores colleitas. Iso aumenta a produtividade e a calidade do produto.
  • Xeneralización do cabalo para as tarefas agrícolas. O uso do cabalo como forza de tiro para o arado non estivo moi xeneralizado, pero en certas zonas foise estendendo pouco a pouco. Tradicionalmente os campesiños tiñan que cavar os seus campos co axuda dos seus brazos e con sachos, pero algúns afortunados podía usar bois (propios ou alugalos) para tirar do arado. O boi era un bo animal para iso, pero o cabalo ten moita máis forza, o que lle permitía penetrar mais na terra e osixenala moito máis. Isto permitíalle a terra rexenerarse moito antes e así aumentar a produtividade.
Todas estas técnicas vanse estendendo pouco a pouco o longo de Europa, e en moitas ocasións non de forma moi homoxénea. Foi en Gran Bretaña, a mediados do século XVIII, onde se deron toda unha serie destas innovación tecnolóxicas que permitiron o aumento da produtividade agrícola, dando lugar a Revolución Agrícola: da que xa trataremos máis adiante.


Ningún comentario:

Publicar un comentario